Este pasado venres, un buque metaneiro, o "LNG Oyo", entraba na Ría de Ferrol, coa súa perigosa carga, para a ilegal REGANOSA. Tivo que cruzar un angosto canal que ten unha bocana de apenas 150 metros de ancho navegábeis, e 4.000 metros de longo, para chegar á planta regasificadora que REGANOSA construi en Punta Promontoiro, co problema engadido de que esta operación só se pode realizar en mar morta, da pleamar diurna, que apenas dura vinte minutos. Na citada operación participan catro remolcadores, lanchas de práticos, de operarios de Capitanía Marítima e varias patrulleiras da Guardia Civil. Este é un feito que se ven repetindo desde principios de maio deste ano. Esta é a séptima vez que entra un buque destas características na nosa Ría, sen que as autoridades fagan nada para impedi-lo. Máis ben fan todo o contrario, facilitan a entrada dos perigosos buques poñendo en perigo a vidas das persoas que vivimos nas poboacións que están à beira da Ría. Os gobernos municipais pasan das súas responsabilidades e miran para outro lado.
O PAPEL DA ADMINISTRACIÓN E OS RESPONSÁBEIS POLÍTICOS
Primeiro foi a administración dos gobernos da dereita, do PP, Aznar e Fraga, os que chanchullaron e transgrediron a legalidade para que tivese lugar o despropósito gasístico dentro da nosa Ría. Desde marzo de 2004 e xuño de 2005, son os gobernos, chamados progresistas, de Zapatero e Touriño-Quintana, os responsábeis de que este desprósito, continue a súa ilegal e perigosa andaina. Non só permitindo e autorizando, senon con apoios explícitos dos responsábeis políticos e do goberno PSOE-BNG, alegando que é unha planta estratéxica para Galiza. Non cremos que a estas alturas, logo dos movimentos estatais e internacionais no mundo do gas, se siga mantendo tal "escusa-patraña".
O papel das administracións locais da Ría é penoso, a de Mugardos totalmente comprada e atada; as de Narón, Neda e Fene, como que con elas non vai o asunto, e a de Ferrol, pretende deixar de exercer a súa función de defensa da cidadanía, pretendendo renunciar a defender os dereitos cidadańs, nos contenciosos abertos contra REGANOSA e a localización actual da Planta de Gas, nos que participa como parte afectada.
O GOLIAT
REGANOSA é moi forte, son grandes multinacionais da enerxía [ENDESA, UNION-FENOSA, SONATRACH] , entidades financieiras [CAIXA GALICIA, CAIXANOVA, BANCO PASTOR] e a propia Xunta de Galicia, xunto a un grupo empresarial [Grupo Tojeiro], o promotor que utilizou mil argucias, para conseguir permisos, autorizacións, millonarios subsidios e que lle legalizaran o ilegalizábel. Realizou recheos ilegais da Ría, estamos falando de miles de metros cuadrados, para construir unha planta regasificadora, nunha Ría totalmente poboada e cunha bocana de entrada estreita e un longo canal. Unha planta regasificadora ao lado dun perigoso complexo petroquímico e unha planta térmica de coxeneración eléctrica que queima fueloil. Regasificadora que ten imposibilidade física de cumprir a Lei, e os condicionados de seguridade exixidos, polas normativas estatais, europeias e internacionais. Ademáis incumple a principal normativa que é a do SENTIDO COMÚN, o respecto á vida das persoas, da seguridade das poboacións, o respecto á nosa Ría e ao marisqueo do que viven centos de persoas. Ría, xa ferida de morte polos continuos recheos, polos residuos urbanos que nela vertemos todos os días, polos residuos de empresas con moito poder como é MEGASA e pola incompetencia e irresponsabilidade de políticos de todas as cores e ideoloxias, que prometían mais non cumprían.
O DAVID
Frente a todo isto, un movimento cidadán enriquecedor, diverso e plural, opositor a tanta corrupción e intereses políticos e económicos inconfesábeis, colle forza e apoios cualitativos e cuantitativos, e fai tremer ao poder político e económico que sustenta o despropósito gasístico que representa REGANOSA e toda a trama que lle rodea.
A UNIDADE, A ORGANIZACIÓN, A MOBILIZACIÓN, A SOLIDARIEDADE E OS ARGUMENTOS
A acción desenvolvida pola xente do mar, lembremos o bloqueo do "Galicia Sprit" e outros posteriores; a manifestación do 3 de Xuño; a Marcha a Teixeiro pola liberdade do seu Patrón Maior; os 49 días de peche na Casa do Concello de Mugardos da veciñanza, as mostra de solidariedade que xenera... E sobre todo, a actividade desenvolvida polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, desde o ano 2001, con Carmelo Teixeiro de coordenador, incansábel, constante, responsábel e entregado á causa; a iniciativa da constitución dunha Asemblea Cidadá, onde conflui a veciñanza e o movimento social da comarca, a través de asociacións e entidades de todo tipo, verdadeira dirección política do movimento opositor a REGANOSA, unido pola frase "PLANTA DE GAS FORA DA RIA". Os manifestos de apoio, os estudos e informes, os Blog e Web, os artigos de opinión, ... Son actividades e forzas sociais e políticas que teñen o mesmo sentido e dirección, que conforman un movimento opositor real, con argumentos e acción, co obxectivo claro dun rotundo NON !! á planta regasificadora dentro da nosa Ría.
Maís información no:
Boletín Informativo nº 13 do CCE , formato PDF
A BATALLA XURÍDICA E ADMINISTRATIVA
Non menos merecedora de eloxios é a batalla no campo xurídico e administrativo, onde se está facendo un traballo excelente e meritorio. Alegacións, recursos, peritaxes, mocións, recollida de asinaturas, escritos, denuncias, ... e un sinfin de trámites xurídicos e administrativos de grande valor, con duas sentencias favoraveis do TSXG, sobre a tramitación medioambiental, que condenan a REGANOSA e á ADMINITRACIÓN.
______________
9 de set. de 2007
Situando a loita contra REGANOSA o 9 de setembro de 2007
Postado por Saúde e Liberdade ! às 12:10
Marcadores: Situando a loita contra REGANOSA o 9 de setembro de 2007
Assinar:
Postar comentários (Atom)
0 comentários:
Postar um comentário